lunes, 25 de mayo de 2020

Os piratas tamén quedamos na casa. Día 48

Piratiñas, así de golpe e sen pensalo, que é o que máis nos gusta facer cando chega o bo tempo?.......
Bañarse na piscina está moi ben pero non era o que estabamos pensando. Así que  volvemos preguntar: que é o segundo que máis nos gusta facer co bo tempo?... SIIIII, ir de festa: escoitar a música , bailar , xogar diante do palco das orquestras. Pa ram pa chán, pa ram pa chán, chan chan.🎶🎵🎶

Pois para poder bailar necesitamos música (que nós nunca vimos a ninguén bailar sen música), e para iso hoxe imos facer uns instrumentos musicais:


Vale, se mirades a foto parece un micrófono, pero NOOOON, trátase dunha maraca e unha frauta.

A frauta
Material que imos precisar:

◈ 16 palliñas
◈ celo
◈ tesoiras
◈ cartolina
◈ papel de agasallo ou algún que vos guste (revista, celofán....)
◈ rotuladores


Para comezar a nosa frauta imos coller as palliñas e cortámoslle o lado onde dobra.

Despois colocámolas todas en fila e cortamos un anaquiño longo de celo. Unimos as pallinas sin que se levante ningunha e teñen que quedar todas á mesma altura. O celo colocámosllo como a dous dedos da punta, como podedes ver na foto:

 Cortamos outro anaquiño de celo é colocámolo por debaixo do que acabamos de pegar. Isto é para que a frauta non se despegue e sexa máis ríxida. Dámoslle a volta  e facemos o mesmo do outro lado.






















Agora collemos a cartolina e facemos unha tira do mesmo grosor das 2 tiras de celo, cortamos e comprobamos que recubre todo o celo. Despois collede un papel que vos guste (nos usamos papel de agasallo) e facemos un rectángulo do mesmo tamaño da cartolina. Xa podedes coller  os rotuladores e decorar a cartolina.



Temos que pegar a cartolina e o papel da agasallo na nosa frauta, un por diante e outro por detrás.



Para rematar a frauta e que consigamos distintas notas musicais, temos que cortar as palliñas por onde está o lapis, en diagonal.

Aquí tendes o paso a paso do corte
E xa temos a nosa frauta rematada, agora so queda collela e soplar para conseguir unha fermosa canción.


A maraca
Materiais que imos precisar:

◎ 1 botella de plástico
◎ Cuter ou tesoira
◎ Cinta illante. Se non tendes en casa, vale celo
◎ Arroz e lentellas
◎ 1 rolo de papel hixiénico
◎ pistola de silicona quente
◎ rotuladores
◎ Calquera material que vos guste para decorar a maraca: cintas, la, papel de agasallo....


O primeiro é cortar a botella, pois así sería moi grande. Os adultos teñen que axudarvos a recortar co cuter, pois pode ser perigoso. Podedes recortar tamén coa tesoira, pero vai costar un pouquiño máis. Por arriba recortade onde remata a parte lisa da botella, e por abaixo contade duas ondas (na foto nós cortamos 3 ondas, pero saía moi grande así que recortamos un pouco máis a parte de abaixo).





 O seguinte paso é unir as duas partes, e para iso imos coller cinta illante ( porque é máis resistente e maís bonita tamén, pero se non tendes, pode ser con celo).
 Puxémoslle 2 cores porque parece máis molona.


Toca rechear a botella para que faga ruído e usamos grans de arroz e de lentellas. Se conseguides coa man perfecto, se non podedes meter os grans na botella facede un funil cun anaco de papel. Despois póndelle o tapòn á botella.





Para facer o mango, imos recortar o rolo de papel hixiénico pola metade, como na foto.
Botamos silicona no tapón da botella e pegamos o rolo de papel hixiénico ben apretado para que non se nos despegue.


 E colamos tamén o rolo para que non se abra. Se non tendes pistola de silicona, pode ser con calquera outro pegamento, menos o de barra, que ese non vai pegar ben (silicona fría, cola branca, pegamento líquido.....)

O que queda agora é decorar a maraca, nós puxemos cinta illante no mango, e pintamos con rotu permanente a cabeza da maraca, pero vós podedes adornala como queirades.





Xa podedes compoñer as vosas propias cancións con estes instrumentos musicais. Ou cantar as que máis vos gusten, esas que sempre nos pedides cando escoitamos música. Un biquiño virtual para todas e todos e agardamos as vosas fotos ou vídeos con todo o que ides facendo, non sexades tímid@s, que nos gusta moito vervos.

🎶🎶🎶🎶🎶🎶🎶

No hay comentarios:

Publicar un comentario