sábado, 28 de marzo de 2020

Os piratas tamén quedamos na casa. Día 12

Pi, pi, pi, pí.
Pi, pi, pi, pí.
PIRATIÑAAAAS, que vos está sonando o despertador e non vos enterades!!!!. Moi bo día a todos e todas, xa é hora de levantarse, que aínda que sexa sábado non vale estar na cama ata as 12.

Hoxe imos adicar este día tan estupendo aos dragóns. E para comezar, crearemos uns ovos de dragón, que se vos gustan máis os dinosaurios, tamén poderían ser. Quedarían así.


Materiais que necesitamos

➤ Ovos 
➤ 1 cazo
➤ Colorantes comestibles. Se non hai por casa, vale pintura.
➤ Vasos
➤ Auga

Para comezar cos nosos ovos de dragón ou dinosaurio, temos que cocelos. Para isto, tes que pedirlle axuda a un adulto, pois imos andar con auga fervendo e co lume da cociña, e poderías queimarte.

 Unha vez cocidos e fríos, temos que darlle uns golpes para rachar a cáscara do ovo, pero fixádevos na foto, ten que ser con moito coidado para facerlle só as raias de rotura pero sen chegar a que a cáscara se despegue do ovo. Na foto vedes que hai un cachiño de cáscara solta, non importa, pero procurade que non se vos desprendan moitos trociños.


 A continuación collemos os colorantes comestibles que teñamos por casa (nos neste caso usamos o azul, e o violeta). Se usamos estes colorantes temos a vantaxe de poder comer os ovos cando rematemos de facelos. Se en casa non tendes colorantes podedes usar pintura de calquera tipo, pero lembrade: SE USADES PINTURA NON PODEDES COMER OS OVOS!!!!!!!

Enchemos os vasos con auga e botámoslle os colorantes que queiramos, remexemos e metemos un ovo en cada vaso.


 Temos que deixar os ovos na auga  24 horas, ou o que é o mesmo, un día completo. Ufffff, non sei se conseguiremos aguantar tanto tempo sen meter o dedo no vaso.

 Despois de moito esperar, e esperar.... por fin pasaron as 24 horas. Sacamos os ovos do vaso, e temos que pelalos. Isto hai que facelo con moito coidado, pois se tirades moi forte arrancades a clara pegada na cáscara e non quedarían bonitos. A pel que queda entre a cáscara e a clara sí lla podedes quitar.




 E o resultado é o seguinte.... A que molan moito estes ovos de dragón ou dinosaurio????


E como de dragóns vai a cousa, agora imos facer un dragón caseiro. 

Materiais que necesitamos

💚 Pinza da roupa
💚 Cartolina, goma eva ou folio de cor verde e vermella
💚 Pintura verde, e se non tendes rotulador
💚 Tesoiras
💚 Pegamento
💚 1 lapis
💚 Plantilla

Comezamos. O primeiro é pintar a nosa pinza da roupa. Se tendes en casa pintura verde xenial, se non podedes usar rotulador.


Despois imprimides a plantilla, recortádela e repasades o corpo e a cabeza do dragón en cartolina, goma eva ou folio de cor verde, e a lingua en papel vermello. Se so atopades folios brancos, podedes pintalos.



De seguido pegades a cabeza do dragón na pinza, facédea duas veces e pegádela unha por arriba e outra por abaixo. Pegade a lingua vermella tamén.


Agora toca pegar o corpo.
E por último os ollos. Facédeos cun folio branco e pintades o punto negro cun rotulador.


Mirade o noso dragón como vixía o seus ovos, non vaia ser que veña alguén a comerllos.


E para rematar, queremos recomendarvos unha peli relacionada con estes seres mitolóxicos e fantásticos: Como entrenar a tu dragón. 

Pasade boa fin de semana, vémonos por estes mundos cibernéticos o luns, e lembrade, se facedes algunha destas cousiñas subide foto ao facebook para que a vexamos todos e todas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario